Cos partidos da pasada fin de semana (16, 17 e 18 de decembro) finalizados, chega o momento da pausa de Nadal nas competicións do club, que regresarán tres semanas despois, a partir do 7 de xaneiro de 2023.
Respecto ás xogadoras de Primeira División, adestraron onte, día 19, por última vez e teñen dúas semanas libres ata o luns 2 de xaneiro, día marcado para a volta ó traballo, coa mente posta no derbi da Ría fronte ó Marín Futsal, que se desputará o sábado 7 ás 19:00h no pavillón Príncipe Felipe de Pontevedra.
Sen lugar a dúbidas, un merecido descanso tras unha primeira parte de tempada de récord en liga, na que o equipo é terceiro, empatado a puntos co Burela e a tres de distancia do líder, Futsi Atlético Navalcarnero. O conxunto madrileño conta as súas 13 xornadas por vitorias, sendo o único rival que nos impediu sumar os tres puntos ata agora. Ademais, enlazamos once partidos consecutivos gañando e, xunto ó equipo albivermello, somos quen menos goles reciben (12). Respecto a este dato, cabe resaltar que os tres últimos triunfos lográronse deixando a portería a cero, ante rivais do nivel de Ourense Envialia, STV Roldán ou Melilla Torreblanca.
Bo Nadal para toda a familia vermella!