O Poio Pescamar FS quere expresar o seu máis sincero agradecemento a ENCE por seguir confiando no noso club e incluír, un ano máis, á entidade dentro do seu Plan Social. Este respaldo supón un importante impulso para continuar desenvolvendo un proxecto deportivo que combina a excelencia competitiva cun firme compromiso social.
A colaboración de ENCE contribúe de maneira decisiva á profesionalización do deporte feminino e ó avance da igualdade de oportunidades, permitindo que cada vez máis mulleres poidan desenvolver a súa carreira deportiva en condicións profesionais. Do mesmo xeito, este apoio favorece a incorporación da muller ó mundo laboral a través do deporte, consolidando un modelo que aposta polo talento, o esforzo e a igualdade.
No ámbito do primeiro equipo, a axuda de ENCE resulta fundamental para que o Poio Pescamar FS continúe competindo na máxima categoría do fútbol sala feminino español. Grazas a esta colaboración, as xogadoras poden contar con contratos profesionais que lles permiten dedicarse plenamente á práctica deportiva, contribuíndo ó crecemento e á consolidación do fútbol sala feminino como referente do deporte nacional.
O respaldo de ENCE tamén ten unha repercusión directa na canteira do club. Na actualidade, o Poio Pescamar FS conta con máis de 18 equipos de formación e arredor de 200 nenos e nenas que desenvolven a súa actividade deportiva baixo a estrutura do club. A colaboración permite dotar as categorías base de adestradores e monitores titulados, dos medios necesarios para competir en toda Galicia e dunha formación que vai moito máis alá do ámbito deportivo, transmitindo valores como o compañeirismo, o respecto, o esforzo e a igualdade.
Desde o Poio Pescamar FS queremos poñer en valor o compromiso de ENCE co deporte como ferramenta de transformación social. O seu apoio non só fai posible o crecemento dun proxecto deportivo consolidado, senón que tamén contribúe a seguir construíndo unha sociedade máis igualitaria, ofrecendo oportunidades ás novas xeracións e favorecendo o desenvolvemento profesional das mulleres a través do deporte.
Por todo iso, o club desexa trasladar publicamente o seu agradecemento a ENCE por seguir camiñando xunto ao Poio Pescamar FS e por facer posible que este proxecto continúe medrando tanto na elite do fútbol sala feminino como na formación dos deportistas do futuro.

