Novas

Poio Pescamar, máis de 900 goles en Primeira División

Out 2, 2024

Texto de Gustavo Voces, en colaboración coa RFEF e David Maquieira Salgado, o noso xefe de prensa. Entrada orixinal en: rfef.es

 

O conxunto pontevedrés, que experimentou un sostido crecemento na última década, busca estrear o seu palmarés a nivel nacional.

Do gol de Claudia o 21 de setembro de 2013, ó de Chuli ante LBTL Futsal Alcantarilla na segunda xornada da Primera Iberdrola transcorreron once tempadas, dende a estrea do Poio Pescamar na máxima categoría do fútbol sala feminino nacional, onde alcanzou e superou a cifra de 900 goles.

 

Unha estrea con xogadoras míticas.

O lexendario Marcio Santos era o adestrador que levaba as rendas do conxunto conserveiro na súa estrea na máxima categoría o 21 de setembro de 2013.  O primeiro tanto anotábao Claudia aproveitando un pase en longo de Silvia para superar a Pauli, cancerbeira do Móstoles.  O primeiro quinteto conformábano no conxunto conserveiro Silvia, Charo, Quico, Ceci e Claudia, mentras que nas rotacións entraron Yoli, Peque e Elena. En fronte, un Móstoles trufado de xogadoras que estaban facendo historia no fútbol sala feminino español, como Patri Chamorro, a súa actual adestradora, a fantástica Eva Manguán, María Otero e onde comezaban dar os seus primeiros pasos sobre a cancha Inma e Celia, entre outras. Naquel primeiro partido, no pavillón Villafontana, Ceci, resolvendo un man a man ante Pauli, conseguía darlle ó Poio a súa primeira vitoria na máxima categoría.

 

O longo camiño cara a cima.

Este curso o conxunto vermello comeza a súa decimosegunda tempada consecutiva en Primeira, cunha ambiciosa campaña en redes sociais co lema de “Apetecen títulos”, onde dende o club anticipan a case necesidade perentoria de estrear o seu palmarés a nivel nacional. Tras iniciar o seu periplo na categoría con sendas décimas prazas nos seus dous primeiros cursos, de forma paulina a escadra conserveira foi mellorando ano a ano o seu rendemento ata alcanzar a fase final na loita polo título das dúas últimas campañas, tras un segundo posto no curso 2022/2023, e un cuarto o ano pasado.

 

En datos.

Dende a tempada da estrea, ata o gol máxico de Chuli, o club pontevedrés disputou na máxima categoría un total de 317 encontros cun total de 166 vitorias en tempada regular. Ademais, nas dúas últimas campañas, a escadra vermella conseguiu clasificarse para disputar as semifinais na loita polo título, con cinco encontros disputados nos que tan só colleitou unha vitoria.

 

CATEGORÍA: Novas