Novas

Presentación no concello do CEFSIF

Xuñ 8, 2022

Esta mañá tivo lugar a presentación oficial no concello de Poio do Campionato de España de Fútbol Sala Infantil Feminino (#CEFSIF) que organizaremos esta fin de semana e no que participaremos, xunto con outros seis clubes chegados de diferentes partes de España. O presidente da entidade conserveira, Juanjo García Camiño, foi invitado polo alcalde de Poio, Luciano Sobral, e pola concelleira de deportes, Marga Caldas a un acto no que tamén participaron Lupe Murillo, representando ó noso patrocinador Pescamar, e José Manuel Fernández, vicepresidente da Real Federación Galega de Fútbol.
 
O venres pola tarde comezarán os partidos cos cuartos de final. Ás 16 horas serán as aragonesas do FSF César Augusta quen se midan ás andaluzas do UD Playas de Málaga. Posteriormente, duelo entre o EFB UB Conquense e o LBTL Futsal Alcantarilla, chegados de Castilla-La Mancha e Región de Murcia, respectivamente. Nós entraremos en escena ás 20 horas fronte ás campioas madrileñas da AD Alcorcón FSF.
 
As semifinais disputaranse o sábado ás 17:30h e ás 20:00h. Na primeira, xa está agardando o campión catalán, Futsal Inlingua Mataró CE, quen por sorteo quedou exento da ronda anterior. A gran final queda marcada para o domingo ás 12:00 horas.
 

Todo aquel que se achegue á Seca, terá á súa disposición venda de comida e bebida, así como sorteos e rifas. O tempo asemella que acompañará para gozar deste gran evento do fútbol sala base español.