Novas

T. 23/24 – Cuartos de Final Copa Galicia | PREVIA

Set 8, 2023

A competición oficial da tempada 2023 / 2024 comeza este sábado ás 18h coa desputa dos cuartos de final da Copa Galicia. Será a un único partido, para o cal nos desprazaremos ata A Coruña para medirnos ó Viaxes Amarelle, equipo que na rolda previa deste torneo venceu contundentemente ás súas veciñas do 5 Coruña, conxunto de Preferente Galicia (o ano pasado en Segunda División Nacional).

Así, poremos fin a unha longa pretempada de cinco semanas, iniciada o 7 de agosto. Durante este tempo tivemos catro partidos de preparación, con dúas vitorias fronte ó FSF Castro, outra ante o Ourense Ontime FSF e unha derrota contra o Burela (primeiro rival en liga a próxima semana en Vista Alegre).

Contaremos coas coñecidas baixas de Marta Peñalver e Anna Escribano, de longa duración. Completan a convocatoria as dúas canteirás que xa estiveron presentes nos partidos anteriores: Sofía e Iria.

O noso rival, que xa nos puxo as cousas moi difíciles o ano pasado en liga (2-3 vencemos, remontando un 2-0, na primeira volta, mentras que no Príncipe Felipe empatamos a dous goles), conta coa fichaxe de Raúl Castro, Piru, como adestrador, así como varias xogadoras que amplían o seu plantel respecto ó curso anterior. Entre elas chegou Andrea Alvite, que xunto a Carolina Agulla teñen pasado coma conserveiras.

Entre ambos clubes, dez partidos de liga en Primeira División desputados, con saldo de 6 vitorias vermellas, 2 empates e 2 triunfos laranxas. A última derrota, precisamente na súa pista, data de xaneiro de 2015, por 2 a 1. En Copa Galicia, o último rexistro é unha igualada a catro goles na Coruña en novembro de 2018. Irene é a única futbolista do noso vestiario que estivo presente en aquel partido connosco, posto que Martita era parte do Amarelle, ó contrario que Carol Agulla, nesa época nas nosas filas.

CATEGORÍA: Previas