Unha nova edición da Copa da Raíña comeza para nós. Nesta segunda eliminatoria, correspondente a dezaseisavos de final, visitaremos a pista da AE Penya Esplugues, de Segunda División.
Chegamos a este duelo tras frear a nosa liña ascendente ligueira despois das derrotas ante Futsi e Ourense. Malia todo, seguimos a 1 punto do playoff polo título. Na convocatoria para mañá, ademais da coñecida baixa de Anna Escribano, tampouco estará Elena Aragón.
O Penya Esplugues, que venceu por 1 – 4 ó AECS L’Hospitalet en primeira rolda, é o líder destacado do grupo dous de Segunda División, onde suma 9 vitorias e 1 empate. É un dos conxuntos favoritos ó ascenso na que é a súa terceira campaña en Segunda. Como sinalou Èlia na rolda de prensa, será un rival moi complicado de superar.
Este será o noso primeiro enfrontamento en Copa da Raíña. En Primeira División temos 18 precedentes, dos que vencemos en 6 ocasións, perdemos 7 e empatamos 5. Como visitantes, gañamos 3 veces, igualamos 4 e caímos en 2. A última vez que xogamos no CEM Les Moreres, o 18 de decembro de 2021, trouxémonos a Poio os tres puntos cun marcador de 1 – 5.