Novas

T. 26/27 – 1/16 de Final da Copa da Raíña | PREVIA

Nov 2, 2026

Nova semana, novo mes e nova competición. Este martes ás 21 horas debutaremos na Copa da Raíña, na eliminatoria de dezaseisavos de final. Será, ó igual que hai un ano, na pista do Almagro FSF, de Segunda División. O obxectivo: a fase final en Marín.

Dous días e un adestramento despois de regresar de Jerez de la Frontera, toca outra longa viaxe. Iso si, coa alegría de transformar o bo xogo en goles, deixar a portería a cero e sumar tres puntos despois de tres xornadas sen conseguilo. Ascendemos á quinta posición na liga, aínda que seguimos a catro puntos do playoff. Ademais, vencemos o Guadalcacín por primeira vez a domicilio. Agora, toda esta enerxía positiva ten que transformarse nun triunfo copeiro que nos meta nos oitavos de final.

Pola parte almagreña, a situación é moi similar á da previa que escribimos hai un ano. Unha vez máis, caeu derrotado na fase final polo ascenso a Primeira División, esta vez ante o Rodiles. No grupo tres de Segunda mantense de novo como aspirante á promoción de categoría. Polo momento, ocupa a terceira posición con 14 puntos tras sete xornadas. Para acrecentar o déjà vu respecto á tempada anterior, na primeira rolda da Copa, disputada entre os equipos da división de prata, volveron superar ó Salesianos Puertollano, desta vez por 0 – 1.

Como xa dixemos, na mesma rolda da Copa da Raíña, o 24 de setembro de 2025, produciuse o único precedente entre ambos os clubs, que rematou con vitoria conserveira por 3 – 5.