Novas

T. 23/24 – Final Supercopa | PREVIA

Feb 4, 2024

Hoxe xogamos a final da Supercopa de España. É a nosa segunda final nesta competición e a terceira dun campionato nacional. Todas ante o mesmo rival, o Burela. Esta noite (21h, Teledeporte), loitaremos para que o destino se alíe connosco e poidamos levar o trofeo ata A Seca.

A semifinal, como era previsto, foi durísima (de feito, ambos duelos dirimíronse nas penas máximas). O guión deixounos a volta de Marta ás pistas, practicamente un ano despois da súa rotura do ligamento cruzado anterior do xeonllo dereiro. Non só iso, senón que ela se encargou de empatar o partido antes do descanso cun golazo no xogo de pivote. Nos penaltis (aínda que xa antes fixo grandes intervencións), Elena erixiuse como heroína para celebrar o pase á final.

Volverémonos cruzar co Burela, ó que este ano veremos en todas as competicións posibles. Buscan o seu quinto título consecutivo de Supercopa e son favoritas para conseguilo. Dominan a liga dende o primeiro chanzo con 50 puntos (10 máis que o segundo e 20 máis que nós) e non coñecen a derrota nesta tempada, salvo pola Futsal Women’s European Champions. Na semifinal superaron ó Futsi Atlético Navalcarnero.

Nos tres duelos que levamos na actual campaña contra elas vencéronnos, apeándonos incluso da Copa da Raíña. A bagaxe total en 29 partidos oficiais entre ambos clubes non a vamos ocultar: 3 vitorias conserveiras, 4 empates e 22 triunfos laranxas. Alonxémonos de calquer discurso pesimista. Os datos non van xogar esta final, senón que teñen que servir de motivación. Hai que rachar coa hexemonía burelesa.

CATEGORÍA: Previas