Estamos no mes de abril e iso significa encarar a recta final da tempada. Ademais, como fixemos os deberes nos meses anteriores, entramos na fase decisiva cunha primeira final, a da Copa Galicia contra o FSF Castro. Disputarase este xoves ás 12 horas no Pavillón Municipal dos Deportes de Pontevedra (en directo pola TVG2 e A Galega).
Esta será a nosa quinta final no torneo autonómico. Ata agora, todas se saldaron con vitorias: 2017 contra Ourense, 2018 ante Burela, 2022 fronte a Ourense e 2024 contra Marín. A primeira delas, tamén no polideportivo pontevedrés, onde poderiamos repetir título, ó igual que o fixemos no pavillón marinense da Raña (2018 e 2022). Cómpre destacar que a capitá, Ale de Paz, estivo presente en 2017, 2018 e 2024, converténdose na futbolista conserveira que máis títulos gañou coa entidade. Tamén podería ser a segunda Copa Galicia consecutiva para as tres xogadoras que a gañaron o ano pasado co Burela: Pedreira, Débora e Noelia Montoro. No camiño da presente edición eliminamos ó Estrela Futsal e ó Reyco Burela FS. Todas as xogadoras están convocadas, agás Miri.
No lado do equipo de Julio Delgado, esta será a súa segunda final consecutiva, en busca do primeiro título do club. Na pasada campaña caeron ante o Burela nos penaltis. Volvendo á actualidade, superaron nas roldas anteriores a Valdetires Ferrol e Ourense Ontime. Como sinalou Ale de Paz en rolda de prensa, os reforzos invernais déronlle ó equipo lucense un plus de competitividade. Na liga marchan sextas, pero sumaron 19 dos últimos 24 puntos, cos que recortaron distancia respecto ós postos de playoff.
A final é inédita nesta competición, aínda que ambos clubs se viron as caras na semifinal do curso pasado, con vitoria lucense por 4 – 1. Precisamente, é o único triunfo das de Castro de Rei ante nós, pois na liga o balance é de 2 vitorias vermellas e 3 empates. Na primeira volta da presente campaña, quedamos cos tres puntos na Seca cun 2 – 0 a favor.
Foto de Débora Braga.

