Novas

T. 23/24 – Final Copa Galicia | PREVIA

Mar 27, 2024

Todo listo para a gran festa do fútbol sala pontevedrés. A final da Copa Galicia do 2024 será un derbi da Ría de Pontevedra ante o Marín Futsal este Xoves Santo ás 12h no pavillón Príncipe Felipe da cidade lerezana. Poderá verse en directo pola TVG2 e no streaming da Deputación de Pontevedra.

O camiño ata a cuarta final da nosa historia (de momento, levamos pleno de finais gañadas) non foi nada sinxelo. En setembro de 2023 vencemos en cuartos de final por 0 – 1 ó Viaxes Amarelle, con gol de Laura Uña. No pasado mes de febreiro, impuxémonos pola vía dos penaltis ó todopoderoso Burela, despois de empatar a tres goles no partido desputado en Ribadeo. As sensacións son inmellorables de cara a este duelo, tras enlazar sete partidos en liga con vitoria (sen encaixar ningún gol nos últimos tres), o que nos valeu para alcanzar unha cuarta praza que asemellaba imposible. A última derrota do equipo foi na final da Supercopa contra o conxunto da Mariña.

O Marín Futsal, pola súa parte, venceu ó Mosteiro Bembrive (de Segunda División) e ó FSF Castro, alcanzando de novo a final deste torneo (o ano pasado caeu contra o Burela). En liga están na 14ª posición, a 3 puntos da permanencia. Nos seus dous últimos partidos colleitaron un balsámico triunfo ante o Alcorcón e un empate en casa do FSF Castro, reducindo a diferenza coa salvación e logrando encadear dous partidos seguidos puntuando na presente campaña.

Seis precedentes existen deste derbi, con cinco vitorias vermellas e un empate. En Copa Galicia vencemos na súa pista no curso 2021 / 2022, no que era o primeiro partido entre ambos clubes.

Queremos pechar esta previa indicando que hoxe é o último día de prevenda de entradas nos pavillóns de cada club, a un prezo de 5€ (menores de 10 anos, gratis, pero deben retirala igualmente). A promoción de camisetas conmemorativas, no noso caso, foi un éxito e están esgotadas. Tan só quedan dúas, que se poden obter participando neste sorteo. As últimas entradas dispoñibles venderanse antes do partido, na entrada do pavillón Príncipe Felipe.

Ademais, haberá sorteos mediante a venda de rifas a 1€, entre os que destacan a camiseta da Selección Española de Laura Uña e a do Celta de Vigo, de Iago Aspas, ambas firmadas. A entrega destes premios será no descanso do partido.

CATEGORÍA: Previas