Novas

T. 22/23 – 2º Partido Semifinal Playoff Liga | PREVIA

Xuñ 9, 2023

Mañá, sábado 10 de xuño ás 17h, será o momento indicado para o novo duelo entre laranxa e vermello, no segundo partido da semifinal de liga. Despois do 1 – 3 na Seca, as nosas futbolistas teñen que gañar en Burela para forzar o partido de desempate en Poio.

Con “moitas gañas de xogar o partido” mostrouse o noso adestrador, Luis López-Tulla, en rolda de prensa. O noso míster agarda un partido moi igualado, preparado sobre os dous últimos derbis xogados ante elas e no que non espera que se acuse cansancio, senón que ambos conxuntos chegarán en plena forma. Por se acaso, para darlles un extra de motivación, arredor de 100 afeccionados conserveiros desprazaranse ata Burela, lembrando o gran movemento que fai 10 anos fixemos ata Rubí, Barcelona, para remontar a eliminatoria que nos deu o ascenso a Primeira División. Confiamos en que o espírito de Rubí volva a sinalar o camiño.

Por parte do Burela, destacou Irene Samper o traballo do noso nivel defensivo, á vez que insistiu na fame de títulos que manteñen, querendo pechar coa liga un ano no que poderían gañalo todo.

En referencia ós enfrontamentos en Vista Alegre entre ambos clubes, a bagaxe é de 8 vitorias locais e 2 empates. Ademais, superáronnos na Supercopa de España da campaña 2020 / 2021, que se celebrou alí. É certo que nas últimas visitas melloramos e, de feito, un dos empates foi o sumado neste curso. Así, o reto de manterse con vida no playoff pasa por gañar por primeira vez na nosa historia en Burela.

CATEGORÍA: Previas