Estamos en xuño e seguimos competindo. Iso só pode significar unha cousa: somos un dos catro mellores equipos de España. Pero non nos imos conformar con iso. O primeiro paso para acadar a final da liga témolo que dar mañá ás 11:00h (en directo por Teledeporte) na pista do Futsi, actual defensor do título.
A tempada ligueira pechouse cun terceiro posto (primeira vez que rematamos nesa posición) e 63 puntos, o que supón a segunda mellor clasificación da nosa historia, superada pola campaña 2022 / 2023, na que fomos segundas con 75 puntos. Si melloramos un rexistro, o de goles anotados, xa que acumulamos 101 dianas. Nunca chegaramos ás tres cifras neste apartado nunha liga. Como sinalou Luis en rolda de prensa, a valoración global é moi positiva, a pesar de que se encadearon tres partidos sen gañar xusto ó final da campaña, o que nos fixo caer un posto. Con todo, na segunda volta sumamos 32 puntos, por 31 na primeira. Todas as futbolistas do plantel están dispoñibles.
Non faltou o equipo madrileño a unha nova cita co playoff polo título de liga, malia o mal comezo da competición. Perderon tres dos seis primeiros partidos. A cuarta derrota chegou na 13ª xornada. Na liga, non volveron perder. Iso significa que en 2026 tan só foron derrotadas dúas veces, ante o Alcorcón no campionato doméstico e fronte ó Melilla na final da Supercopa, o 1 de febreiro. Desde entón, acumulan 14 encontros sen perder, dos que gañaron 11 e empataron 3. Remataron na segunda posición con 66 puntos, 3 máis ca nós. Destacan pola súa facilidade para facer goles, pois son o conxunto máis realizador con 144 tantos. A máxima goleadora está nas súas filas: Irene Córdoba, con 35 dianas. Tamén a seguinte, María Sanz, con 24, aínda que empatada con Patricia, do FSF Castro. En contra, encaixaron 69 goles (nós, 56).
Este será o cuarto duelo entre ambas escadras na presente tempada. Na liga levaron os 6 puntos en xogo, cun 3 – 8 na Seca e un 2 – 0 na Estación. Nos oitavos de final da Copa, en Poio, superámolas na prórroga cun 5 – 2. O balance histórico de resultados é de 4 triunfos conserveiros, 3 empates e 23 vitorias navalcarnereñas.

