Volve a Copa Galicia á Seca. Faino tras case catro anos nos que non cadrara ningún partido aquí (nunha ocasión porque eramos locais no Pavillón Príncipe Felipe). Este martes ás 19 horas, medirémonos co Reyco Burela FS nunha semifinal a partido único.
Chegamos a este derbi tras vencer en liga ó Móstoles FS, rachando a xeira de dúas derrotas consecutivas. Mantemos a cuarta praza, de acceso ó playoff polo título, con 7 puntos de vantaxe sobre o inmediato perseguidor. Nos cuartos de final da Copa Galicia, que foi o noso debut na competición, superamos por 0 – 5 ó Estrela Futsal. Todo o plantel está dispoñible, agás Miri.
Pola súa banda, o Burela ocupa a penúltima posición na liga, cunha distancia de 13 puntos respecto da permanencia e encadea once derrotas seguidas. No último partido, caeron por 0 – 3 contra o LBTL Futsal Alcantarilla. Se botamos a vista á pasada rolda da copa galega, avanzaron grazas a un 0 – 2 na pista do Vilalba FS.
O precedente da primeira volta deixa un 0 – 2 ó noso favor na pista de Vista Alegre (primeira vitoria da nosa historia nela). No cómputo global, 5 triunfos conserveiros, 5 empates e 30 vitorias laranxas. Na Copa Galicia vímonos as caras cinco veces. Só vencemos nunha delas, pero foi na final de 2018 (o noso segundo título). Ademais, a igualada produciuse nunha semifinal disputada en Ribadeo (ó non poder xogarse en Burela). Avanzamos nos penaltis e acadamos o cuarto título.

