Está sendo un mes de febreiro certamente apretado polo calendario (sobre todo para aquelas xogadoras con compromisos internacionais). Nunha semana marcada polo Entroido, toca partido en medio da mesma. E vaia duelo, posto que nos visita un dos trasatlánticos dos últimos anos (ó que coñecemos sobradamente), Burela Pescados Rubén.
Sen dúbida, a axitación de viaxes e a acumulación de minutos de xogo está detrás da insólita pasada xornada de liga, na que ningún dos catro equipos de playoff logrou gañar. No noso caso, tiñamos o primeiro dos dous derbis seguidos no Príncipe Felipe, ante un Viaxes Amarelle ó que venceramos pola mínima na primeira volta, pero que nesta ocasión roubounos os primeiros puntos como local. Con todo, a derrota do noso próximo rival, tamén nun derbi, en Ourense, supón manter o segundo chanzo en liga, con tres puntos de vantaxe sobre as da Mariña e, sobre todo, 16 sobre o quinto clasificado, Alcorcón.
Meténdonos de cheo na competición que nos ocupa, a semifinal será a partido único. Defendemos o título conquistado a pasada campaña ante o noso público, despois de superar en cuartos de final ó Bembrive de Segunda División. Mesmo camiño para o conxunto de Julio Delgado, que fixo o propio co 5 Coruña. Como último precedente, apenas fai pouco máis dun mes, o empate a tres goles en Vista Alegre en liga.
Precisamente un dos dous triunfos que logramos ante o Burela enmárcase neste torneo. Nada máis e nada menos que para gañar unha final e conquistar a nosa segunda Copa Galicia, ademais, de forma consecutiva. Foi alá por 2018, con Marcio Santos de adestrador e unha recén chegada Dani Sousa, a nosa actual capitá, que non poderá ser partícipe deste derbi por lesión. Dende entón, a escadra burelá converteuse nunha especie de besta negra, á que non puidemos vencer de novo.
O enfrontamento emitirase en directo pola nosa canle de YouTube.