Novas

T. 23/24 – Semifinal Copa Galicia | PREVIA

Feb 13, 2024

Non hai liga na Primeira División esta semana (celébranse os campionatos de España de seleccións autonómicas), pero iso non significa que non teñamos competición. Retorna a Copa Galicia, na súa edición XVII, na que viaxaremos ata Ribadeo para vernos coas nosas nada coñecidas rivais do Burela (mércores, 20:30h), que non teñen dispoñible o seu pavillón.

Regresa Anna Escribano á convocatoria, despois de non estar na da última xornada ligueira. Por tanto, toda o plantel estará presente. Lembramos que o noso camiño neste torneo comezou en setembro, antes de iniciar a liga, cunha vitoria por 0 – 1 na pista do Viaxes Amarelle. Como dato a destacar, dos últimos oito partidos entre o campionato regular e a Supercopa só perdemos dous, ambos ante as de A Mariña.

O equipo de Julio Delgado, vixente campión da Copa, chega tras alzar a Supercopa e gañar en liga 5 – 2 ó Atlético Torcal. Líderes destacados en Primeira División, venceron en cuartos de final por 0 – 9 ó Valdetires de Ferrol, conxunto de Segunda División.

Dúas veces atopámonos en Copa Galicia con anterioridade. Primeiro, na final de 2018, a cal gañamos por 5 – 4 (o noso segundo título). A outra, máis recente, foi na semifinal do ano pasado que, ó igual que nesta ocasión, non tivo lugar na pista habitual do equipo local, senón que se celebrara no pavillón Príncipe Felipe de Pontevedra. Vencéronnos por 1 – 2.

CATEGORÍA: Previas