Novas

Previa Volta Semifinais Copa Galicia

Abr 5, 2022

Volve a Copa Galicia a escena para dirimir se alcanzaremos a final desta edición. Este mércores ás 21h na Seca, recibiremos ó Cidade de As Burgas con mínima vantaxe, xa que no partido de ida, xogado o 22 de decembro de 2021, vencimos por 1 – 2 en Ourense.

O noso paso por esta competición na actual tempada remóntase á vitoria en Marín por 2 – 5 en cuartos de final o pasado mes de setembro e ó duelo ó que nos referimos anteriormente, contra o conxunto de Manolo Codeso. En dito enfrontamento, comezamos perdendo co gol de Lucía Nespereira, rapidamente contrarrestado con outro de Ana Rivera, para colleitar o triunfo cun tanto de Jane a falta de cinco minutos para o final.

Chegamos a este choque logo de vencer en liga con contundencia ó Universitat d´Alacant por 0 – 4 e rachar coa mala xeira de dúas derrotas seguidas. Ademáis, mantémonos en postos de playoff polo título. Pola súa parte, o Cidade ocupa o segundo escalafón no Grupo 1 da Segunda División, polo que agora mesmo loitaría por ascender. A pasada fin de semana gañaron por 5 – 1 ó Club Deportivo Promesas E.D.F. e enlazan oito triunfos consecutivos. A súa última derrota foi o 22 de xaneiro por 0 – 2 ante o Viaxes Amarelle, club que transforma todos os seus partidos en vitorias.

Contamos con todas as xogadoras na convocatoria, incluída Iria como terceira porteira. Na outra semifinal, o Burela verase co Ourense Envialia, cun resultado de 3 – 1 na ida a favor das aurienses.

CATEGORÍA: Convocatorias · Previas