Despois dun mes de adestramentos e catro partidos na pretempada, é momento da competición oficial. Por duodécima campaña seguida disputaremos a Primeira División española, co obxectivo de volver estar no playoff polo título.
O longo camiño que isto supón empeza collendo un avión para voar a Gran Canaria. Alí, na pista do Teldeportivo, buscaremos os primeiros tres puntos do curso ante un equipo que regresa á máxima categoría despois dun ano en Segunda División. Non están convocadas Sandra Buzón, Anna Escribano nin Èlia. Si viaxa a porteira canteirá, Estela, presente durante a pretempada, co dorsal 15.
Por parte do conxunto canario, campión de Copa en 2006, ascendeu tras superar ó CD Segosala por un único gol nunha final polo ascenso na que a nosa actual xogadora, Miri, atopábase nas filas da escadra castelá. A súa adestradora, Cristina Gimeno, sinalou que non quere estar en Primeira, senón ser de Primeira por moitos anos.
Tan só catro precedentes existen entre ambos clubes. Curzámonos por primeira vez na tempada 2020 / 2021 (5 – 2 en Poio e 1 – 4 en Las Palmas) e por última vez no curso 2022 / 2023 (1 – 2 en Gran Canaria e 3 – 1 no pavillón Príncipe Felipe).