Dous meses e uns días despois, a Primeira División do fútbol sala feminino español volve á escena. O noso equipo viaxará ata Zaragoza para debutar ante un recentemente ascendido, o Wanapix Aldelis Intersala 10 (sábado, 18:00 h).
A continuidade afírmase en Poio tras un verán ateigado de renovacións e con catro fichaxes, das cales dúas son regresos (Luci e Laura Uña) e dúas, caras novas (Laura Sánchez e Alba García). As primeiras xa traballaron ás ordes dun Luis López-Tulla que afronta a súa quinta campaña na Seca co obxectivo claro de loitar polos títulos. Mesmo o corpo técnico mantivo o seu bloque. No cadro hai que lembrar que estará de baixa durante varios meses a catalá Èlia, operada en xuño da súa lesión do LCA.
O noso rival, o Intersala 10 Zaragoza, logrou ascender eliminando na final ás nosas veciñas de Marín, por tan só un gol de diferenza. Será a segunda vez que compitan na Primeira División. Xogan no CDM La Granja, un pavillón que visitamos por última vez o 28 de maio de 2022. Naquela ocasión exercía de local outro club maño, a AD Sala Zaragoza. Como reza na web de Futsal RFEF: “Eider Goñi, Claudia García, Noa Gimeno, Emma Cardona, Irene Dúcar e Julia Sanz son as incorporacións dun dos equipos máis novos da máxima categoría”.
Se non nos trabucamos, é a primeira vez que nos enfrontamos a este club. Certo é que na tempada 2020 / 2021 coincidimos na Primeira División, pero o formato de competición por grupos provocou que non houbese enfrontamento entre ambas as entidades.

