Novas

T. 23/24 – X. 10 | PREVIA

Nov 17, 2023

O sábado estaremos na casa do Leganés, último clasificado, para desputar a décima xornada (19h, en directo por Sinopsis Vuvuzela), coa que nos gusta dicir que remata o inicio da liga e se poden sacar as primeiras conclusións sobre a mesma.

Seguimos escalando postos, tras comezar con dúas derrotas, e coa vitoria fronte ó Atlético Torcal puxémonos sextas, a dous puntos do playoff, o noso obxectivo. Enlazamos catro partidos sen perder, dos que tres foron triunfos na Seca, xunto ó empate na pista do Roldán. Precisamente, a faceta de visitante está pendente de mellora, xa que sumamos catro puntos de doce posibles. Ás baixas de Marta e Anna engadimos esta fin de semana a de Pelé.

Por parte do conxunto pepinero, pechan a clasificación cun punto (sumado no seu pavillón ante o FSF Castro na cuarta xornada). Logo acumularon cinco derrotas seguidas. Son o equipo menos goleador (14) igualadas cos outros clubes en descenso, pero destacan como as que máis tantos reciben (53), case unha media de seis por duelo. Dende fai dúas xornadas, a internacional arxentina e ex xogadora do Poio, Agostina Chiesa, integra as filas do Leganés e, aínda que non lograron revertir a mala xeira, si experimentaron certo progreso, sobre todo na pasada semana en campo do Viaxes Amarelle.

O Leganés é o equipo que mellor se nos dá en Primeira División. Os trece precedentes, dende a campaña 2016 / 2017, saldáronse con vitoria conserveira. No curso 2012 / 2013, o do noso ascenso, finalizamos por detrás do equipo madrileño en Segunda División e os resultados entre ambos foron de empate na Seca e vitoria pepinera en Leganés.

CATEGORÍA: Previas