Esixente é a proba que se nos presenta o sábado ás 18:30 horas na Seca, pois medirémonos ó líder da Primeira División, o Futsi Atlético Navalcarnero.
Presentámonos ó exame logo de mellorar nas últimas probas. Vese que o parón ligueiro de outubro nos viunos ben, pois sumamos pleno de triunfos (tres) despois del, con 14 goles marcados e só 1 recibido. Ademais, na pasada xornada debutou Èlia (tan só queda Anna Escribano, mancada, por facelo). Esta boa xeira permitiu poñernos a un punto do cuarto posto e ser o equipo menos goleado do campionato (11 tantos encaixados). Este dato contrasta co do Futsi, que é o máis realizador (47 a favor).
As nosas rivais gañaron todos os seus partidos (ó igual que o Melilla). Espectacular comezo de tempada e liderado compartido ata na diferenza de goles coas norteafricanas, só que prevalece quen marcou máis, neste caso as madrileñas. Tres das seis máximas goleadoras están nas súas filas: as irmás Córdoba e María Sanz. Só Emilly, do Burela, supéraas. Entre as tres acumulan 30 goles, cando, por exemplo, nós levamos 29. En contra teñen 14 tantos e nunca deixaron a súa portería a cero. Lonxe do seu feudo, catro enfrontamentos venceron, con 14 goles a favor e 7 en contra, uns números algo menos contundentes.
Un total de 23 veces vémonos ambos clubes, con 17 vitorias albivermellas, 3 empates e 3 triunfos vermellos. Certo é que na era Luis López-Tulla a bagaxe é dunha vitoria conserveira, 2 empates e 2 duelos gañados polo Futsi (un deles en Copa da Raíña). Aínda que vencemos de locais fai dúas tempadas, foi no exilio do Príncipe Felipe, polo que na Seca nunca superamos ó conxunto de Navalcarnero.
O duelo está inmerso na campaña do 25N e denominouse como partido pola igualdade e a non violencia de xénero.