Novas

T. 23/24 – X. 11 | PREVIA

Nov 24, 2023

Este sábado recibimos na Seca ás 17:30 horas a un dos grandes clubes dos últimos anos e que sempre é candidato a gañalo todo, o Futsi Atlético Navalcarnero, actual cuarto clasificado en liga.

Despois de vencer no campo do Leganés, ascendimos ó quinto lugar da táboa con 19 puntos, a só 2 do noso rival de mañá. Por tanto, unha vitoria (que sería a quinta consecutiva como locais) meteríanos en postos de playoff polo título, aínda que como sinalou Irene en rolda de prensa, non é un partido decisivo para iso, xa que restan dous terzos de competición por desputarse. Manteremos as baixas de Marta, Anna e Pelé.

No equipo madrileño, que esta campaña ten de adestrador a Daniel Labián sustituíndo a Andrés Sanz, sete triunfos e tres derrotas consuman o seu inicio de liga, con 37 goles a favor (12 máis que nós) e 25 en contra (6 máis que os nosos). Enlazan dúas vitorias seguidas e catro coma visitantes (perderon en Alcorcón na xornada inaugural). As súas outras dúas derrotas foron ante o seu público contra Burela e Móstoles. O club de Navalcarnero conta con entre sete e oito baixas para este enfrontamento. Nas súas filas, tres xogadoras acaban de ser convocadas coa selección: Irene Córdoba, Laura Córdoba e María Sanz.

Será a 22ª vez que nos vexamos na pista, cunha rotunda bagaxe a favor do Futsi de 17 vitorias, 1 empate e 3 triunfos vermellos. Precisamente, na pasada campaña gañámoslles por primeira vez como locais (pero xogamos no pavillón Príncipe Felipe de Pontevedra, debido ás obras de cambio de pista na Seca).

O partido estará inmerso na campaña do 25N contra a violencia de xénero promovida dende o club durante esta semana.