Sen case tempo para reaccionar ante o histórico triunfo contra o Futsi (o primeiro na Seca) en oitavos da Copa da Raíña, este sábado volvémonos enfrontar en liga. O duelo, ás 11 horas, será retransmitido en directo por Teledeporte. É a derradeira xornada do 2025, antes do descanso de Nadal.
Chegamos a esta fin de semana coa moral alta pola clasificación para a fase final de Copa, lograda ante un rival que, xunto ó Burela, supón unha das nosas bestas negras en resultados. Ademais, serviu para quitarnos o mal sabor de boca da derrota en Melilla e para rachar coa xeira de tres partidos seguidos sen gañar. Con todo isto en conta, lembramos que somos terceiras en liga con 19 puntos. Na convocatoria mantéñense as baixas de Miri e Bravo.
O equipo de Ángel González, pola contra, quererá resarcirse da eliminación sufrida no torneo do KO. Na competición da regularidade marchan quintas, con 17 puntos, acumulando tres vitorias consecutivas. Por tanto, o choque cobra maior importancia, xa que poderían adiantarnos na táboa de superarnos.
O balance total de enfrontamentos entre ambos clubes é de 4 triunfos conserveiros, 3 empates e 21 vitorias albivermellas. En liga, na pasada campaña, vencéronnos nos dous duelos.
Foto de Débora Braga.

