A Primeira División comeza cedo o 2026 nesta tempada. Outros anos había unha semana máis de descanso, pero o longo parón para a disputa do Mundial de Filipinas propicia que o Nadal se acurtase. Dito isto, o noso primeiro duelo do ano é un Derbi das Costas en Burela este sábado ás 18:45 horas.
O regreso da competición en decembro, trala cita mundialista, deparounos dúas duras derrotas en liga ante rivais directos como Melilla e Futsi, aínda que mitigadas polo pase á fase final da Copa da Raíña contra o conxunto de Navalcarnero. Así, actualmente somos quintas (por primeira vez non estamos en playoff), pero a só tres puntos das segundas clasificadas. Enlazamos catro xornadas sen gañar, xustamente ante os clubes que nos preceden. Na convocatoria volve estar Bravo, tras superar a súa apendicite, así como a canteirá Sofía Rozas, que debutou en liga na última xornada do curso pasado.
En fronte teremos ó Reyco Burela FS, que vive unha inusual campaña tras moitos anos sendo protagonista na loita polos títulos. Agora, ocupan a penúltima posición con oito puntos, a tres da permanencia. É o equipo que menos tantos marcou (19, polos 40 nosos) e o segundo que máis recibiu (47, por 28 no noso caso). Vén de perder ante o Atlético Torcal na súa casa e, na última xornada, na visita ó LBTL Futsal Alcantarilla. Certo é que, anteriormente, entre as xornadas 6 e 9 enlazou dúas vitorias e dous empates. Curiosamente, en Vista Alegre non lograron vitorias, tan só empates ante Móstoles e Les Corts. Esta mesma semana presentaron o seu primeiro reforzo invernal: Macarena, procedente do Chiloeches.
Os precedentes entre ambos clubes son de 4 triunfos conserveiros, 30 laranxas e 5 empates. Un servidor, que quizáis se fixa máis nisto, ve a oportunidade de gañar por primeira vez en Vista Alegre, o noso pavillón maldito, sen ningunha dúbida. Unicamente empatamos alí en 2017 e 2023. As restantes 16 visitas saldáronse con derrotas.
Foto de Débora Braga.

