Novas

T. 23/24 – X. 13 | PREVIA

Dec 8, 2023

Non houbo festivos nin moito menos ponte de decembro na Primeira División, pois este sábado ás 18:30h temos partido na Seca. Visítanos o noveno clasificado, LBTL Futsal Alcantarilla, que con 16 puntos ten catro menos que nós.

Despois de ver rachada a xeira de seis xornadas sen perder en Melilla, as futbolistas de Luis López-Tulla só pensan en volver sumar tres puntos que nos manteñan na pelexa polos postos de playoff. O equipo marcha sétimo, con 20 puntos, a 5 do cuarto clasificado. Como sinalou Carla Ayensa, ex xogadora do conxunto murciano, as sensacións no vestiario seguen sendo boas e agardan volver celebrar un triunfo coa súa afección.

As nosas rivais enlazan dous triunfos consecutivos, ante Rayo Majadahonda e Viaxes Amarelle, cos que abriron oco respecto á zona baixa. Os seus números en canto a goles son similares ós nosos, con 33 a favor (3 máis) e 25 en contra (2 menos). Esta semana tiveron coa selección española á súa xogadora Anita, así como pola nosa parte viaxou a Italia Laura Uña.

O club de Alcantarilla debutou o curso pasado en Primeira División, polo que os únicos precedentes son unha vitoria vermella por 4 – 2 na Seca e un empate 2 – 2 en terras murcianas.

CATEGORÍA: Previas