Segunda xornada consecutiva na Seca para vivir un partido certamente importante, malia estar no mes de decembro. Recibiremos ó cuarto clasificado, a AD Alcorcón, ás 17:30 horas.
Tres derrotas consecutivas enlazamos en liga. É a primeira vez que na era Luis López-Tulla temos esta mala xeira (aínda que, no medio, gañamos un partido de Copa da Raíña). Con todo, mantemos a quinta posición, con 4 puntos menos que as nosas rivais de mañá. O partido debe ser tamén unha reválida ante a nosa afección, pois a bagaxe local no que vai de curso non está sendo a mellor (2 vitorias, 1 empate e 3 derrotas).
O Alcorcón chega tras superar por 3 – 0 ó Atlético Torcal, sumando tres puntos despois doutras tantas xornadas sen vencer. Dos seus 23 puntos, 8 adquiriunos como visitante. Destacan os seus 48 goles a favor (14 máis que nós). En defensa recibiron 25 goles (por 20 nosos).
Un total de 23 precedentes existen entre ambos clubes, un deles na Copa de España de 2017 organizada en Poio. En total, 11 vitorias conserveiras, 2 empates e 10 triunfos alfareiros. A xeira decántase ó noso favor nos últimos tres anos, dos que levamos 5 duelos e empatamos 1.

