Día de Derbi das Costas o que se presenta este sábado. Penúltima xornada de liga do 2024 e da primeira volta na pista do CD Burela, terceiro clasificado, o sábado ás 18:45 horas.
Catro encontros enlazamos sen gañar no campionato, algo inédito dende que nos adestra Luis López-Tulla. A pasada fin de semana, polo menos, curtamos a xeira de derrotas tras empatar co Alcorcón, que se mantén cuarto e nos avantaxa en catro puntos. Iso si, caemos ó sexto posto, adiantados polo Roldán. A novidade na convocatoria é a inclusión de dúas canteirás: Sofía Rozas (xa foi convocada nesta liga e debutou co primeiro equipo en Copa Galicia) e Olalla Casalderrey, para a cal é a súa primeira presenza. Mantense a baixa de Anna Escribano.
No lado burelés, só cederon un empate (Alcorcón en casa) e unha derrota (na pasada xornada en Navalcarnero), coa que frearon a súa xeira de dez vitorias consecutivas. Pese ó excelente rendemento, son terceiras, por detrás de Futsi e Melilla, nese destacado grupo de cabeza. Acumulan 57 goles a favor (nós 37) e encaixaron os mesmos que no noso caso, 23. O seu baluarte, Emilly, é a pichichi de Primeira División con 17 goles.
Un total de 36 veces vémonos entre liga, Copa da Raíña, Supercopa e Copa Galicia, con 27 triunfos laranxas, 5 empates e 4 vitorias vermellas. Na tempada pasada batemos o récord ó enfrontarnos oito veces (en todas as competicións), resultado vencedoras no segundo partido de semifinal do playoff de liga e igualando en semifinais da Copa Galicia (na que gañamos a penaltis). Nos restantes duelos, venceu a escadra da Mariña. En 18 ocasións visitámolas (unha delas, precisamente a de Copa Galicia do curso pasado, foi en Ribadeo). Nunca logramos superalas a domicilio, consumando unicamente tres empates.