Retomamos a información previa a cada xornada co que será sen dúbida o gran partido desta fin de semana. Visitamos unha cancha na que nunca vencimos, a do Burela, no recén bautizado Derbi das Costas, nome mediante o cal poñemos un pouco de picante nas afeccións cunha rivalidade entre a Mariña Lucense e as Rías Baixas.
Probablemente cheguemos a este clásico da liga no momento indicado para asaltar Vista Alegre. Empatados a puntos co equipo burelés, aínda que por detrás debido ó golaverage, só o Futsi puido vencernos. Doce vitorias consecutivas é a nosa xeira actual, a mellor da nosa historia, a un só enfrontamento de pechar unha primeira volta de campionato case perfecta. O único aspecto negativo foi a eliminación da Copa da Raíña, precisamente ante o conxunto de Navalcarnero. En Copa Galicia tamén haberá derbi contra o Burela en semifinais.
Por parte da escadra de Julio Delgado, baremos idénticos ós nosos, vencendo todos os seus duelos menos na visita ó equipo de Andrés Sanz. En goles, anotaron 77 e recibiron 25, mentras que nós sumamos 50 a favor e 14 en contra. Esa pólvora coa que contan de cara á portería contraria toca contrarrestala coa nosa efectiva defensa, que ten unha media de encaixar un único tanto por partido.
Pese á previsible igualdade, a historia énos esquiva. Nas nove visitas ligueiras á Mariña Lucense unicamente logramos un punto, na tempada 2016 – 2017. Ademais, en dita pista impedíronnos sumar a Supercopa de España do curso 2019 / 2020, xusto despois de arrebatarnos tamén a Copa na final de Málaga. No noso haber, dous triunfos: un en liga na campaña 2016 / 2017 e outro na final da Copa Galicia de 2018, a segunda que nos levamos ás nosas vitrinas.
A expedición sairá o sábado ás 14:15 da Seca, con toda a plantilla convocada. Como sinalou Marta en rolda de prensa, que mellor momento que este para dar un golpe á liga e demostrar que podemos ser partícipes desa hexemonía que Futsi e Burela teñen nas últimas campañas.