Toca pechar o ano 2024 e farémolo en casa cun derbi. Este sábado, ás 18 horas, recibiremos ó FSF Castro, noveno clasificado, no que ademais será o derradeiro partido da primeira volta de liga.
Malia a fochanca ligueira, onde acumulamos cinco xornadas sen vencer, das que unicamente sumamos un punto, o equipo chega con confianza e ánimo alto trala clasificación para a final a oito da Copa da Raíña, despois de vencer ó Alcorcón a domicilio. O colofón ten que ser un triunfo na Seca, pois a bagaxe ante o noso público é actualmente de dúas vitorias, dous empates e tres derrotas.
No lado do conxunto lucense, que tamén se meteu na fase final da Copa (o único que gañou de local, ó Rubí), contan con dous puntos menos que nós en liga, na que só perderon un dos seus últimos sete enfrontamentos e enlazan tres triunfos seguidos como visitantes.
Como o Castro está na súa segunda tempada en Primeira División, dous son os derbis previos entre ambos clubes, co mesmo resultado: 2 – 2.