A mellor primeira volta de liga da nosa historia, pechada con 40 puntos, abre paso ó tramo no que a marxe de erro vaise recurtando. Comezamos o segundo recorrido na Primeira División neste 2023 viaxando a Elx para visitar ó colista. Un partido que pode ser trampa se non mantemos a concentración en todo momento para volver sumar os tres puntos.
Cunha bagaxe de 13 vitorias, 1 empate e 1 derrota nos presentamos no ecuador da competición. Ademais, logramos 12 triunfos seguidos, un deles cun 12-0 ante o Rayo Majadahonda, o que supón dous récords na entidade vermella. Precisamente esa xeira de sumar puntos de tres en tres curtouse coa igualada en campo do Burela a semana pasada (nada desdeñable). Para regresar ó camiño vitorioso, non poderemos contar con Dupuy nin Dani Sousa, lesionadas.
Por parte do equipo de Libertad Casado, que ocupa a última posición con 6 puntos, a situación foi xustamente a contraria. Venceron na segunda xornada en casa por 6-2 ó Rayo Majadahonda, tras o cal enlazaron doce derrotas seguidas. Tal momento foi cortado o pasado sábado, superando por 6-3 a un rival directo pola permanencia como é o Teldeportivo. Ademais, con 26 goles a favor e 84 en contra, son a escadra menos anotadora e a que máis encaixa. Con todo, só catro puntos lles separan da actual salvación.
Poucos precedentes entre ambos clubes existen, posto que coincidimos dende a súa estrea en Primeira no curso anterior, en cuxos enfrontamentos vencimos por 4-2, tanto en Poio coma en Elx. No encontro inaugural da actual campaña, 7-1 foi o resultado na Seca.
A expedición conserveira viaxará en avión dende Santiago a Alacant na tarde noite deste venres, xogará nun horario pouco habitual (sábado ás 11h) e pola tarde regresará co mesmo itinerario de voo.