Novas

T. 23/24 – X. 16 | PREVIA

Xan 12, 2024

Non estreamos o 2024 cun partido máis, senón cun auténtico partidazo contra o líder da liga, os nosos veciños do norte de Galicia, o Burela FS. Este sábado, ás 20h, o Derbi das Costas atraerá a atención do futsal español e poderás velo no pavillón da Seca, en directo pola TVG2 ou no streaming de Sinopsis Vuvuzela.

Este será o noso terceiro derbi consecutivo, despois de pechar o 2023 gañando en Marín e empatando en casa contra o FSF Castro. Comezamos a segunda volta do campionato en 6º lugar, con 24 puntos, a 8 do playoff. Por iso, a remontada de cara ó noso obxectivo debe iniciarse xa mesmo, póñase diante quen se poña. Como locais sumamos 14 deses puntos (4 vitorias, 2 empates e 2 derrotas), pero é certo que enlazamos tres partidos sen vencer, dende que o fixemos ante o Atlético Torcal o 11 de novembro. Luis López-Tulla contará con todas as súas xogadoras, a excepción das mancadas Anna e Marta, cada vez máis preto do seu regreso.

O equipo de Julio Delgado chega a Poio coma indiscutible líder, cunha bagaxe de 13 vitorias e 2 empates (en casa ante o Roldán e como visitante en Alcorcón). Son o equipo menos goleado (18) e o segundo máis anotador (62). O seu 2024 comezou a semana pasada, gañando por 1 – 7 ó Viaxes Amarelle, conquistando o seu cuarto triunfo consecutivo. Avantaxan ó segundo clasificado en 5 puntos e teñen unha marxe de 16 sobre o quinto chanzo.

Na actual campaña desputamos dous derbis contra o conxunto laranxa, ambos en Vista Alegre e finiquitados con vitoria local (en liga e en oitavos da Copa da Raíña). Na Seca vencéronnos na súa última visita, no playoff polo título da campaña pasada, aínda que xusto unha semana antes as superamos na xornada que pechaba a liga regular, conseguindo o segundo posto da mesma. A bagaxe xeral entre ambos clubes na Seca é de 2 vitorias vermellas, 2 empates e 8 triunfos bureleses.

CATEGORÍA: Previas