Novas

T. 24/25 – X. 16 | PREVIA

Xan 10, 2025

Toda a ilusión está posta no 2025. Novo ano que nos depara opcións en todas as competicións, comezando pola liga, na que debemos remontar na segunda volta dende o partido deste sábado en Alcantarilla, Murcia (ás 18h).

Como sextas clasificadas estamos actualmente, 5 puntos por detrás de Alcorcón e Roldán. A escalada de posicións empezou coa fin da primeira volta, gañando 5 – 1 ó FSF Castro, un triunfo que puxo remate á xeira de cinco xornadas sen vencer, a peor de Luis López-Tulla no club, incluíndo tres derrotas consecutivas, algo tamén inédito para el. Mirando no espello do ano pasado, cunha segunda volta histórica de 35 puntos e 11 vitorias (récord do club), vemos con optimismo os próximos meses de competición. Non están convocadas Èlia, Sandra Buzón nin Anna Escribano, mentras que a canteirá Estela si viaxará.

As nosas rivais de LBTL Futsal contan con 18 puntos (5 menos que nós) e son oitavas. Enlazan dúas derrotas seguidas e catro partidos sen gañar, contando o de Copa da Raíña, superadas polo Melilla. Como local conseguiron 13 puntos (4 vitorias, 1 empate e 2 derrotas). Sen embargo, unha das tres veces que puntuaron lonxe do seu feudo foi na Seca (2 – 2). Suman 37 goles a favor (nós 44) e 41 en contra (por 27 nosos).

Contando o deste curso, un total de 5 enfrontamentos existen como precedente, cunha bagaxe de 2 triunfos vermellos, 2 empates e 1 vitoria azulona. En terras murcianas, colleitamos un empate na nosa primeira visita en 2023 e vencemos por 0 – 1 na campaña pasada.

CATEGORÍA: Previas