Estreamos o 2025 na nosa casa co partido sobranceiro da xornada 17 e que, por tanto, será retransmitido en directo por Teledeporte (sábado, 11h). Visítanos o Laínco Rubí FS, penúltimo clasificado.
A segunda volta comezou cun empate en Alcantarilla co que sumamos 24 puntos, aumentando a diferenza respecto do playoff ata os 7. Os números son calcados ós de fai unha tempada (7 vitorias, 3 empates e 6 derrotas). Naquel caso, estábamos a 11 puntos de pelexar polo título de liga e conseguimos o obxectivo. A nosa bagaxe de local está sendo algo peor que de visitante (11 puntos por 13), así que debemos reforzarnos ante o noso público, como xa se viu a última vez, cando gañamos 5 – 1 ó FSF Castro no último partido do 2024.
O conxunto catalán, pola súa parte, é 15º con 10 puntos, a 4 da permanencia. Enlaza tres derrotas seguidas (catro se contamos Copa da Raíña) e seis xornadas de liga sen vencer. As súas dúas vitorias foron 1 – 0 ante Castro na xornada 7 e 3 – 2 contra o Teldeportivo na 10. Lonxe do seu feudo unicamente conseguiron 1 punto, na súa visita á cancha do Ourense. Son o segundo equipo menos anotador (23 goles marcados, por 45 nosos) e tamén o segundo que máis tantos recibe (68, por 28 no noso caso).
Sempre nos superou o Rubí cando nos visitou. Fíxoo na fase de ascenso a Primeira División por 3 – 4 en 2013 (logo remontamos cun 0 – 2). Tamén na máxima categoría, nas tempadas 2015 / 2016 (3 – 4) e na 2016 / 2017 (1 – 4). Contando a vitoria vermella na primeira volta da campaña actual, xunto ós restantes precedentes, a bagaxe total é de tres triunfos conserveiros e catro cataláns.