Novas

T. 23/24 – X. 18 | PREVIA

Xan 26, 2024

Día especial no noso pavillón nesta xornada, posto que o partido contra o Móstoles será o sábado ás 11 da mañá ó ser emitido en directo por Teledeporte. As cámaras desta canle instalaranse por primeira vez na nosa casa para que toda España (e calquera dende fóra, por internet) poida desfrutar deste duelo entre o quinto e sexto clasificados.

Despois de dous partidos sen gañar, volvemos facelo na visita ó Les Corts de Barcelona, logrando non encaixar ningún gol por terceira vez no que vai de liga. O triunfo devolveunos ó sexto lugar da táboa, moi apretada na zona media, deixándonos a catro puntos de distancia do noso rival de mañá. Como locais enlazamos catro partidos sen vencer, feito inédito dende que Luis López-Tulla nos adestra, polo que un triunfo tería un enorme valor, contando que a próxima fin de semana non hai liga (toca a Supercopa).

O Móstoles chega tras superar ós seus dous últimos rivais, Rayo e Amarelle. Entre ambos duelos anotaron 14 goles, os mesmos que nos sete partidos anteriores (pregunta do concurso entre Laura Uña e Martita). Con 31 puntos (15 de local e 16 de visitante), están a 5 do playoff e demostraron que poden gañar a calquera, posto que na súa mellor xeira de vitorias consecutivas (6), venceron a rivais como Futsi e Melilla. Curiosamente, ese bo ritmo perdérono ante o Marín Futsal, coa súa peor derrota nesta liga (1 – 6). Nas súas filas están dúas xogadoras que foron convocadas pola selección española este mes: a porteira, Ari, e a súa máxima goleadora, Benete.

Dende o noso ascenso a Primeira coincidimos en liga co equipo dirixido por Patri Chamorro. A bagaxe total é de 14 vitorias conserveiras e 6 mostoleñas (nunca se empatou). Na Seca logramos 8 deses triunfos, coincidindo coa última vez que nos gañaron, na campaña 2021 / 2022 por 2 – 4. Dende ese enfrontamento, levamos os tres puntos nos catro seguintes, que é a xeira vixente contra elas.

CATEGORÍA: Previas