Novas

T. 23/24 – X. 19 | PREVIA

Feb 9, 2024

Volve a Primeira División despois do parón para celebrar a Supercopa de España, da que nos proclamamos subcampioas. A 19ª xornada faranos ir ata Majadahonda, para enfrontar ó penúltimo clasificado (sábado, 20h).

Despois dunha intensa fin de semana en Torremolinos, na que estivemos moi preto de colleitar o noso primeiro título nacional, non se pode pensar noutra cousa que non sexa gañar. O equipo leva dúas vitorias seguidas en liga e na Supercopa demostrou un alto nivel, compromiso e motivación, que non debe virse a menos se queremos lograr recurtar a diferenza de 9 puntos que nos separan do playoff. Marta podería debutar en liga, logo de facelo na semifinal do pasado sábado (onde marcou), pero cae da convocatoria Anna Escribano, que estivo presente nas tres últimas pero non sumou minutos de xogo.

O Rayo Majadahonda ocupa a penúltima posición con 9 puntos, a 6 da permanencia, e perdeu os últimos 6 partidos (a súa peor xeira, igualada coa do inicio de liga). En ataque son eficaces, con 43 goles a favor, só 5 menos que nós. Nesta labor hai que vixiar á súa máxima goleadora, María Barcelona, que acumula 14 tantos. O contraste son os 87 goles recibidos (cifra que só supera o colista, Leganés), polos 39 que nos marcaron no noso caso. No seu pavillón só venceron (e puntuaron) nun partido, fronte ó Atlético Torcal.

Dos 18 duelos entre ambos clubes dende a campaña 2012 / 2013 (en Segunda División), 11 veces levamos o triunfo, por 3 do Rayo e 4 empates. Os últimos tres enfrontamentos caeron do lado conserveiro, incluíndo o 3 – 1 da primeira volta do presente curso. Iso si, das nove visitas rexistradas a Majadahonda, só tres veces logramos gañar. Por tanto non vale confiarse, senón todo o contrario.

CATEGORÍA: Previas