Novas

T. 23/24 – X. 2 | PREVIA

Set 22, 2023

Ó igual que na tempada pasada (xunto ó Príncipe Felipe), A Seca debe ser un fortín. Dende o día un, que é este sábado ás 18:30h, a Marea Vermella ten que ser a extensión das futbolistas nas bancadas, o seu ánimo, as súas forzas extras e crear entre todos ese ambiente de vitoria que envolve ós grandes equipos.

Volta a liga de Primeira División a Poio despois de estrearnos cunha derrota por 2 – 0 na tan compricada pista do Burela, vixente campión. Recibiremos a un debutante na categoría, a AE Les Corts UBAE de Barcelona, único representante catalán. Entre as xogadoras que compoñen as súas filas, pisará de novo A Seca apenas tres meses despois, Luci, quen tivo que deixar o club logo de tres tempadas connosco. Precisamente ela marcou os dous primeiros goles do conxunto barcelonés na pasada xornada, na que empataron 2 – 2 contra o Viaxes Amarelle.

Polo noso lado, sen novidades na convocatoria de Luis López-Tulla, que contará con todo o seu plantel agás Marta e Anna.

Como locais, só perdemos dous partidos na pasada campaña: en semifinais de Copa Galicia e do playoff ligueiro, ambas contra o Burela. Ningunha en tempada regular, punto ó que debemos seguir agarrándonos. Habería que remontarse a marzo de 2022 para atopar a última derrota ligueira en casa, un 0 – 1 fronte ó Roldán. Sen dúbida, estar entre o grupo de privilexiados na clasificación ciméntase nos terreos da Seca.

CATEGORÍA: Previas