Volve a Primeira División ó pavillón da Seca. Faino na segunda xornada do curso, coa visita do LBTL Futsal Alcantarilla.
Despois de debutar cun gran 0 – 5 na pista do Teldeportivo, queremos manternos dende xa nos postos de privilexio. Para iso, como ben dixo Elena Aragón na previa, o apoio da afección vermella é fundamental. Para esta convocatoria recuperamos a Sandra Buzón e Èlia, ademais de que estarán presentes as canteirás Sofía Rozas e Estela. Por tanto, a única baixa é Anna Escribano.
Por parte do equipo murciano, que se estreou con vitoria por 2 – 1 contra o Móstoles, tamén tivo xogadoras en convocatorias de seleccións esta semana. Anita foi coa española (como Laura Uña e Ale de Paz no noso caso), así como a Bet Carrasco e Marta de los Riscos coa catalá (na galega foron Martita e Candela).
Na pasada campaña, as azuis gañáronnos por 3 – 4 na Seca, aínda que nos resarcimos cun 0 – 1 na segunda volta. Dous cursos antes, cando o Futsal Alcantarilla debutou na categoría, superámolas por 4 – 2 en Poio e empatamos 2 – 2 en terras murcianas.