O ritmo de competición segue en auxe e viaxamos por primeira vez en busca de sumar tres puntos lonxe de casa. Este sábado ás 19 horas disputaremos a segunda xornada de liga na pista do Guadalcacín.
Moitas gañas ten o equipo de seguir demostrando o seu traballo diario. A pretempada culminou cunha gran vitoria na estrea ligueira ante o Penya Esplugues (6 – 0) e o vestiario confía en vencer de novo, neste caso, a un rival en cuxas filas recalaron tres ex vermellas como Elena Aragón, Sandra Buzón e Rocío Molina.
Pola súa parte, o conxunto gaditano caeu por 4 – 2 en Móstoles na xornada inaugural da Primeira División. Sempre é un rival duro, sobre todo no seu feudo, onde non conseguimos vencer nunca. Tras ascender o ano pasado e lograr a permanencia, asemella que este ano queren dar un salto de calidade na competición.
Seis precedentes existen entre ambos clubes, con 3 vitorias conserveiras (todas na Seca), 2 empates e 1 triunfo andaluz. No seu pavillón colleitamos un 4 – 1 en 2017, un 0 – 0 en 2019 e un 2 – 2 en xaneiro deste mesmo ano 2025.
Foto de Débora Braga.

