Novas

T. 22/23 – X. 20 | PREVIA

Feb 24, 2023

Último test desta intensa semana con tres partidos e do propio mes de febreiro. Viaxaremos ata a Región de Murcia, desbloqueando un novo pavillón, o Fausto Vicent de Alcantarilla. O conxunto adestrado por Alicia Morell é debutante en Primeira División, pero ocupa a sétima praza e está demostrando un altísimo nivel, sobre todo coma local, con sete triunfos en nove partidos (caeu unicamente ante Roldán e Alcorcón).

Chegamos a este partido tras unha insólita xeira de dous encontros seguidos sen gañar, algo que nos sucede por primeira vez en toda a tempada, e tras caer en semifinais de Copa Galicia ante Burela, na que é tamén a segunda derrota en todo o curso. Se a isto se lle pode chamar crise, dá mostra do espectacular traballo efectuado pola plantilla conserveira.

Na pasada xornada, na que empatamos co Viaxes Amarelle, sendo a primeira vez que se nos escapan puntos coma local, foi expulsada Anna Escribano, pero o Comité de Competición retíralle a sanción e poderá xogar. Mantense a baixa de Dani Sousa por lesión.

Respecto ó noso rival, recén ascendido a Primeira, dez vitorias e nove derrotas abalan a súa magnífica estrea. Coa terceira máxima goleadora da liga, Marta de los Riscos (19 tantos) e a internacional Melli nas súas filas, suman máis puntos que os outros dous equipos que subiron este ano, xuntos. Tan só marcaron 4 goles menos que nós (58) e encaixaron 43 (por 22 nosos). Veñen de gañar 2 – 3 en casa do Teldeportivo. Na primeira volta, conseguimos vencer cun apretado 4 – 2, no que Anna e Elena Aragón selaron cadanseu dobrete.