Novas

T. 23/24 – X. 20 | PREVIA

Feb 23, 2024

Un mes despois o fútbol sala de Primeira División regresa á Seca. Recibiremos ó Viaxes Amarelle coruñés (sábado, 18:30h), equipo que é o 12º clasificado con 19 puntos. Non perdades a ocasión de vir vernos, porque non teremos partido na casa ata dentro dun mes máis (o 23 de marzo contra Roldán).

As cousas marchaban ben pola casa vermella nas últimas semanas. Aínda que non se puido gañar a Supercopa, chegamos á final e demostramos que podemos vencer a calquera e competir a un nivel que non alcanzaramos antes. En liga enlazamos tres partidos seguidos con vitoria, a nosa mellor xeira en todo o curso, mentras que en Copa Galicia superamos nos penaltis ó Burela e nos clasificamos para a final, iso si, a costa da peor noticia do ano. Marta Peñalver rompeu o ligamento cruzado anterior do seu xeonllo esquerdo, apenas 11 días e no seu cuarto partido despois de recuperarse da mesma lesión na perna dereita. O batacazo é tremendo, pero non queda outra que mirar cara adiante na súa recuperación e darlle toda a nosa forza nestes momentos.

O Viaxes Amarelle, pola súa parte, mantén unha distancia de 7 puntos respecto ó descenso. O equipo de Piru vén de perder por 3 – 2 en Alcorcón, duelo no que debutou (e con gol) nas súas filas a ex vermella Julia Dupuy. Dos seus últimos seis enfrontamentos só gañaron un, ó Rayo Majadahonda. En todos os partidos de liga marcaron e recibiron goles (tan só non anotaron en Melilla en Copa da Raíña e fronte a nós en cuartos de final de Copa Galicia). Con 56 tantos a favor, son o sexto equipo máis realizador do campionato, cun gol máis que nós. En defensa encaixaron 70 veces (por 42 nosas), o que as converte no terceiro conxunto que máis goles recibe. Lonxe da Coruña conseguiron 7 puntos (2 vitorias, 1 empate e 6 derrotas).

Cabe destacar que na primeira volta vencéronnos por 6 – 1, resultado que é o mellor da súa campaña, o peor da nosa e a peor derrota conserveira en particular contra o Amarelle. O balance entre ambos clubes en 13 partidos é de 7 vitorias vermellas, 3 empates e 3 triunfos laranxas. En liga e na Seca, 5 duelos se viron, con 3 vitorias nosas, 1 empate (na tempada pasada) e 1 derrota en 2013, a do noso debut en Primeira División.

CATEGORÍA: Previas