Por terceira fin de semana consecutiva o noso partido será retransmitido en directo por televisión. Neste caso volvemos a Teledeporte, posto que disputaremos o encontro destacado da xornada na pista do segundo clasificado, o Futsi Atlético Navalcarnero (sábado, 11h).
Visitamos ás nosas verdugas de fai dúas semanas na Supercopa (ó termo, campioas da mesma) e facémolo tras vencer no Derbi da Ría, enlazando cinco xornadas puntuando en liga (tres vitorias en casa e dous empates fóra). Esta boa xeira colócanos a un só punto do cuarto clasificado, que dá acceso ó playoff polo título (aínda que somos sextas). Como contrapunto está que non gañamos a domicilio en Primeira División dende o 9 de novembro en Roldán. Non é unha bagaxe tan desoladora, pois foron dous empates e dúas derrotas, lembrando que si superamos en Copa da Raíña ó Alcorcón no seu pavillón. No apartado de baixas se suma Elena Aragón á de Anna Escribano.
Pouca novidade no conxunto de Navalcarnero. Son segundas a dous puntos do líder, Melilla, con 17 triunfos, 1 empate e 1 derrota, tras catro vitorias consecutivas (despois de perder, precisamente, ante as norteafricanas). Máximas goleadoras da liga (94 tantos), aínda que nunca deixaron a súa portería a cero en toda a tempada. Entre as irmás Córdoba e María Sanz acumulan 60 goles, sendo as máximas anotadoras do campionato por detrás de Emilly. Como locais non deixaron escapar nin un punto en nove partidos.
No curso actual gañáronnos nos dous precedentes (2 – 3 e 1 – 2). No total de 25 enfrontamentos entre ambos clubes, 19 triunfos albivermellos, 3 empates e 3 vitorias conserveiras. Mentras que fai un ano empatamos na Estación, hai que remontarse ás campañas 2016 / 2017 e 2017 / 2018 para atopar uns marcadores de 1 – 2 e 2 – 3, respectivamente, ó noso favor.