Volver á senda do triunfo, no noso templo e coa Marea Vermella animando. Este é o mantra para unha nova xornada de Primeira División na Seca, a vixésima, na que recibiremos ó 9º clasificado, MRB Móstoles (sábado, 17 horas).
Na primeira volta tan só perdemos dous partidos, ante Melilla e Futsi, de forma consecutiva. Agora, na segunda parte do campionato, acabamos de pasar eses mesmos duelos, na mesma orde e con igual desenlace (aínda que cunha mellor imaxe). Con todo, o equipo segue en playoff, 4º con 37 puntos. É por iso que, para manter a posición ou mellorala, cómpre volver sumar de tres. Ademais, é necesario reconectar co gol tras dous partidos sen marcar. Na convocatoria só falta Miri.
O equipo mostoleño vén de vencer por 7 – 2 ó Burela e acumula 26 puntos, situándose na zona media da táboa, lonxe do playoff e sen aparentes apuros respecto á permanencia. Como visitantes encadean catro derrotas consecutivas e só conseguiron 5 puntos nas súas viaxes. Gañaron en Esplugues de Llobregat e empataron en Roldán e Burela. Marcaron 58 goles (64 no noso caso) e recibiron 61 (38 nós). Este partido suporá o regreso a Poio de Irene García, xogadora con máis partidos disputados coa nosa camiseta en Primeira.
Na primeira volta conquistamos os tres puntos cun sufrido 4 – 6, na oitava vitoria consecutiva ante o Móstoles. En total, o balance entre ambos conxuntos é de 18 triunfos conserveiros e 6 madrileños. Na Seca gañáronnos dúas veces, a última en xaneiro de 2022.

