Novas

T. 22/23 – X. 21 | PREVIA

Mar 3, 2023

A competición entra nun novo mes, marcado polo parón de practicamente tres semanas pola celebración da Eurocopa, na que España defenderá o seu pleno de títulos das dúas edicións anteriores. Isto provoca que o calendario de marzo se reduza a dúas únicas datas (ademais, para nós ambas son de local): a xornada 21 ante Teldeportivo este sábado e a xornada 22 fronte a Alcorcón o día 25.

Quizáis se poida discernir con este parón entre a parte central da liga e a parte final, concentrada en dous meses moi intensos. Por iso, o duelo vindeiro é de suma importancia, pois un triunfo serviría para coller aire e descansar un pouco mantendo o segundo posto, así como para cortar esta xeira de dous empates seguidos en liga e tres enfrontamentos sen gañar, contando a semifinal de Copa Galicia. A capitá, Dani Sousa, volve á convocatoria, da que se cae Marta, mancada.

Visítanos o Gran Canaria FSF Teldeportivo, o outro equipo que ascendeu este ano a Primeira (xunto a Amarelle e Alcantarilla, contra quen vimos de sumar as dúas igualadas consecutivas), despois de estar unha soa tempada en Segunda División. Actualmente ocupan a última posición, trala derrota a pasada fin de semana ante Alcorcón, ligada ó empate do Joventut, co que lles superan na táboa. Ostentan sete puntos (cinco deles coma visitante) e o seu único triunfo data da segunda xornada, precisamente en casa das alfareiras.

Pola contra, pouco ou nada nos debemos fiar dos números. Na primeira volta, conseguimos vencer cun axustado 1 – 2, que dá mostra de que non será nada sinxelo superalas. Nos outros dous rexistros entre ambos clubes, dúas tempadas atrás, tamén gañamos sendos duelos ligueiros, por 5 – 2 e 1 – 4.

O partido disputarase no pavillón Príncipe Felipe de Pontevedra, nun horario máis cedo do habitual, ás 17:30h.

CATEGORÍA: Previas