Novas

T. 23/24 – X. 21 | PREVIA

Mar 1, 2024

Todavía quedan dez xornadas de liga por diante, pero o partido fronte ó Alcorcón (sábado, 16h) ten tintes de auténtica final se queremos manter as opcións de clasificarnos ó playoff polo título de liga. Visitamos ó cuarto clasificado, que nos avantaxa en 6 puntos.

Seguimos na que poderíamos dicir é a mellor dinámica da tempada, pese ás lesións sufridas. A vitoria do pasado sábado perante o Viaxes Amarelle é a cuarta consecutiva en liga, o cal non só nos devolveu a quinta praza, senón que nos sitúa a seis puntos do rival desta xornada, o Alcorcón. A distancia é ampla e restan 30 puntos por repartirse, pero asemella que as nosas opcións de manter vivo o obxectivo da campaña pasan por volver a Poio cos tres puntos.

O equipo amarelo perdeu na pasada xornada na pista do LBTL Futsal Alcantarilla, a súa terceira derrota consecutiva coma visitante. Isto compénsao coa case perfección como local, con 9 vitorias e 1 empate (fronte ó Burela). Con todo, os resultados fixéronlles baixar ó cuarto posto con 42 puntos. Son o terceiro conxunto máis goleador (81 tantos a favor, por 60 nosos) e menos goleado, empatado co Ourense (44 goles recibidos, por 46 nosos).

Un total de 22 veces vímonos co equipo madrileño, unha delas en Copa da Raíña. A bagaxe xeral está igualada con 10 triunfos para cada club e 2 empates. Certo é que dos últimos cinco duelos, vencemos catro e firmamos táboas no outro. A última vez que perdemos ante o Alcorcón foi o 29 de maio de 2021, mentras que no pavillón de Los Cantos gañamos nas últimas tres tempadas. Na primeira volta da actual liga, superámolas por 3 – 1, polo que se logramos vencer, teríamos o golaveraxe ó noso favor.

CATEGORÍA: Previas