Derradeiro partido do mes de febreiro no que nos visita o STV Roldán, conxunto que marcha cuarto na táboa e, por tanto, marca a zona de playoff, con 4 puntos máis que nós. Para rematar o noso mes televisivo, de novo Teledeporte retransmitirá o duelo en directo (sábado, 14 horas).
Moitas gañas hai de reivindicarnos trala voluminosa derrota da pasada xornada en Navalcarnero (despois de 5 partidos sumando). Para iso, o escenario como locais (enlazamos 3 vitorias seguidas na Seca) e nun enfrontamento que os xornalistas nomearían como unha final, antóxanse como marco propicio. Como baixas temos a habitual nesta campaña de Anna Escribano e, por primeira vez, a de Miri, que está disputando o Campionato de España sub-19 coa selección galega.
O conxunto da pedanía de Roldán acaba de encaramarse á zona de playoff na xornada pasada, tras unha gran remonta na clasificación. Actualmente acumulan 2 triunfos consecutivos, pero xusto despois de vernos na primeira volta (vencemos 1 – 3 na xornada 9), enlazaron 6 vitorias, o que lles permitiu volver á pelexa pola zona alta. Dos seus 35 puntos, 16 lográronos como visitantes. Teñen 64 goles a favor (nós 56) e 46 en contra (no noso caso, 38). É dicir, igualamos na diferenza de tantos (+18).
Historicamente son duelos moi parellos os que se suceden entre ambos clubes. A bagaxe total actual é de 10 vitorias conserveiras, 5 empates e 9 triunfos murcianos, lixeiramente ó noso favor tralos resultados máis recentes, pois dos últimos 6 choques, vencemos en 4 e igualamos 2 (un deles na Supercopa, pasando por penaltis).