Importante xornada para manter a vantaxe en postos de playoff e desconectar un pouco da competición, xa que haberá dúas semanas de parón ligueiro. Facelo cunha mellor ou peor situación dependerá do resultado na visita ó Atlético Torcal, 11º clasificado con 24 puntos (sábado, 20:15 horas).
O equipo de Luis López-Tulla sitúase 4º con 40 puntos, os mesmos ca o Futsi e a 3 do Roldán. Por detrás, o Alcorcón distánciase con 7 puntos menos. Tras as derrotas ante Melilla e Navalcarnero, o conxunto vermello recuperou o camiño do triunfo cun 5-1 ante o Móstoles. Ademais, o pasado martes clasificouse para a final da Copa Galicia tras superar por 7-1 ó Burela. Todas as xogadoras, agás Miri, están convocadas. O grupo viaxará na mañá do sábado en avión dende Oporto e regresará o domingo.
O Atlético Torcal está inmerso no seu mellor momento da tempada. Tras unha primeira volta loitando pola permanencia, rematou a mesma cun valioso empate na pista do Futsi. Despois, na segunda volta, conta por vitorias os seus catro precedentes: Móstoles, Burela, Chiloeches e Guadalcacín. Agora avantaxan en 6 puntos ó descenso (cun partido menos). Cómpre lembrar que ata a 15ª xornada só gañaran tres encontros. Marcaron 45 goles (69 no noso caso) e recibiron 44 (nós, 39). De feito, son o cuarto conxunto que menos tantos encaixa, xusto por detrás de nós.
O resultado da primeira volta foi un 2-2. En total hai sete precedentes: 5 triunfos conserveiros e 2 empates. Na súa cancha vencemos nas tres visitas realizadas.
Foto de Débora Braga.

