Novas

T. 22/23 – X. 22 | PREVIA

Mar 24, 2023

Tres semanas despois regresa a Primeira División a Poio. Faino, ademais, literalmente, posto que volvemos á nosa casa na Seca, onde desputamos o noso último duelo ante o Roldán, o 10 de decembro de 2022. Dende entón, exercemos de anfitrións no pavillón Príncipe Felipe de Pontevedra, cunha bagaxe de 3 vitorias (unha delas ante o líder, Futsi) e un empate en liga, así como unha derrota en Copa Galicia ante Burela. Este sábado, ás 17 horas, estreamos a nova pista fronte ó equipo máis en forma actualmente, o Alcorcón.

O conxunto madrileño é o quinto clasificado con 40 puntos. Pelexan por chegar ó playoff, que teñen a 4 de distancia tras recortar pouco a pouco a desvantaxe respecto do grupo de cabeza. Co cambio de 2022 a 2023 moveron ficha no banco, do cal saíu Piru tras dez anos no club, para que arribase Guillermo Camarón, quen roza a perfección de resultados con sete triunfos e un empate. En referencia á segunda volta do campionato, acumulan todo vitorias nos seis últimos choques, o que lles sitúa como a escadra a bater nestes momentos.

Pola nosa parte, fúmonos do Príncipe Felipe cun triunfo ante o Teldeportivo fai xa tres semanas, co cal volvemos gañar tras tres partidos sen facelo (en liga, dous empates consecutivos). Repetimos como local, aínda que trocando de pavillón, co obxectivo de vencer a un rival moi difícil e que delimita o playoff polo título, a nosa gran meta. En caso de superalas, distanciaríamonos en 17 puntos, ademais de actualizar os nosos récords históricos de máis vitorias e maior puntuación lograda en Primeira División. A única xogadora non convocada será Marta Peñalver.

Como apunte final, son 19 os duelos entre vermellas e alfareiras celebrados e a bagaxe está empatada, con 9 triunfos por equipo e un único empate. Certo é que nos últimos tres partidos os puntos quedaron no peto do Poio. En casa, vencemos cinco veces e perdemos en catro ocasións, a última delas na tempada 2020 / 2021, na última xornada, privándonos dese ansiado playoff polo campionato.

CATEGORÍA: Previas