Novas

T. 23/24 – X. 22 | PREVIA

Mar 8, 2024

Poñemos a proba o noso gran momento de forma nun derbi ante ootro equipo en boa xeira, o Ourense Ontime (sábado, 19:30 horas), club que se sitúa un posto por detrás nosa (6º), a cinco puntos de distancia.

Despois de superar con nota a final que tiñamos en Alcorcón, gañando cun 0 – 3 que nos deixa a tres puntos do playoff e co golaveraxe a favor fronte ás alfareiras, repetimos coma visitantes (aínda que agardamos ver algo de vermello nas bancadas aurienses). Cinco son os triunfos seguidos que acumulamos en liga, demostrando que o equipo está crecendo nun período chave da campaña. No que vai de 2024, unicamente o Burela nos superou en liga e Supercopa, pero logramos unha pequena vinganza eliminándoas de Copa Galicia a penaltis.

O conxunto adestrado por Mondo vén de gañar na Coruña e enlaza catro partidos sen coñecer a derrota. Móstranse máis fortes en casa, onde lograron 23 dos seus 34 puntos e tamén acumulan catro duelos sen perder. Curiosamente, calcamos os datos de goles a favor (63) e en contra (46) ambos equipos. En ataque, destacan Sara Moreno e Chiky, con 15 e 14 goles, respectivamente. Entre as súas baixas están, precisamente, Chiky e a ex vermella Iria Saeta, así como Candela, que está desputando os Xogos Sordolímpicos de Inverno en Turquía. Ana Rivera, outra vella coñecida nosa, regresa á convocatoria.

Un total de 25 veces se celebrou este derbi, con 11 vitorias conserveiras, 4 empates e 10 triunfos ourensáns. En liga, ambas escadras son máis eficaces contra o seu adversario coma visitante. No noso caso, de 10 viaxes vencemos en 5. De feito, fúmonos cos tres puntos dos Remedios nas últimas catro tempadas. Na primeira volta do actual curso, gañamos por 2 – 0, con goles de Laura Uña e Saki.

CATEGORÍA: Previas