Novas

T. 22/23 – X. 23 | PREVIA

Mar 31, 2023

Dende o 25 de febreiro, cando empatamos en Alcantarilla, non volviamos viaxar en liga. Entre que tivemos dous partidos seguidos de local e o parón pola Eurocopa, pasamos un mes de marzo menos convulsivo. Mañá, coa chegada de abril, subimos de novo ó bus para desprazarnos ata Majadahonda e conseguir un triunfo ante o Rayo, 11º clasificado con 19 puntos, tres por encima do descenso.

A semana pasada, de regreso á competición e á nosa casa, A Seca, coa súa nova pista preparada, empatamos a un gol fronte ó equipo máis en forma da segunda volta, Alcorcón. Dese partido tomou parte Dani Sousa, a nosa capitá, despois de seis xornadas apartada pola súa lesión no derbi en Burela, que puña fin á primeira volta. Neste apartado, Marta Peñalver mantense unha semana máis recuperándose e non entra na convocatoria.

Poñéndonos na peor conta, dos últimos catro duelos ligueiros só vencemos un, empatando os outros tres. A total ambición deste equipo fai que as gañas de volver sumar de tres en tres medren, coa idea de manter a vantaxe sobre o terceiro clasificado, agora de dous puntos. O noso rival, ó que superamos por 12 – 0 na xornada 8 (vitoria máis ampla na nosa historia en Primeira División), vén de perder en casa do Teldeportivo, aínda que no seu último partido de local venceu ó LBTL Alcantarilla. É o segundo conxunto menos anotador e o terceiro máis goleado, pero capaz do mellor e do peor, non debemos caer na relaxación, como fixemos o ano pasado, costándonos a derrota nun momento chave do final de tempada.

Un total de 14 enfrontamentos na máxima categoría do fútbol sala español acumulamos entre ambos clubes, con 8 triunfos vermellos, 3 empates e 3 vitorias rayistas. A bagaxe troca na súa cancha, igualándose a un 2-3-2. Sen dúbida, será un magnífico espectáculo, ás 20h deste sábado e que se poderá ver en directo neste enlace.

CATEGORÍA: Previas