Novas

T. 24/25 – X. 23 | PREVIA

Mar 7, 2025

Partidazo antes do longo parón ligueiro o que temos este sábado na Seca. Visítanos o Burela, terceiro na táboa (no destacadísimo grupo de cabeza). O derbi será en directo pola TVG2, así como pola habitual canle de streaming de Sinopsis Vuvuzela.

Plantámonos nesta 23ª xornada de Primeira División despois de caer entre semana na semifinal de Copa Galicia en Castro de Rei. En liga, seguimos a catro puntos do playoff tras vencer o pasado sábado ó Atlético Torcal. Encomendámonos ó noso fortín para buscar o triunfo fronte á escadra lucense, xa que ante a nosa afección enlazamos cinco partidos sen perder (tres vitorias e dous empates). Certo é que como locais conseguimos 18 puntos e, como visitantes, 17. Todo o plantel está dispoñible, agás Anna Escribano.

O equipo dirixido por Julio Delgado só cedeu un empate (contra Alcorcón) e dúas derrotas (en casa de Futsi e de Melilla) no que vai de liga. Con todo, é terceiro, a cinco puntos do líder, o conxunto melillense. Tres triunfos consecutivos suman (catro contando o duelo desta semana en Copa Galicia co que pasaron á final) tras perder dúas veces seguidas contra o grupo de Morenín (unha na semifinal da Supercopa e a outra na Primeira División). Con 94 goles a favor son o terceiro equipo máis anotador (nós levamos 63), mentras que son o segundo que menos recibe, con 39 (no noso caso, 43). Nas súas filas está a pichichi da liga, Emilly, que acumula 28 tantos.

Contando unicamente os derbis en liga (e playoff polo título), existen 28 precedentes. A bagaxe é de 3 vitorias vermellas, 4 empates y 21 triunfos laranxas. Nas últimas dúas tempadas logramos gañarlles na Seca, por 2 – 1 na 2022 / 2023 e 3 – 0 no playoff da 2023 / 2024. A ese dato nos agarramos para buscar tres puntos cruciais para o noso peto. Na primeira volta do presente curso, 3 – 2 venceu o Burela en Vista Alegre.

CATEGORÍA: Previas