Novas

T. 25/26 – X. 23 | PREVIA

Abr 3, 2026

Case sen tempo para pensalo, dous días despois da final da Copa Galicia, temos o partido correspondente á 23ª xornada de liga, na que visitaremos á A.E. Penya Esplugues (sábado, 16:00 horas).

Chegamos a este encontro tendo que esquecer rapidamente esa final perdida (a primeira de cinco no torneo autonómico) ante o FSF Castro. Agora, co modo liga activado de novo, cómpre lembrar que imos segundas, con 46 puntos, dous máis ca Futsi e Roldán e sete máis ca o Alcorcón, primeiro equipo fóra do playoff. Ademais, levamos tres vitorias consecutivas. Todo o plantel, agás Miri, viaxará a Barcelona.

O conxunto de Esplugues de Llobregat é antepenúltimo con 22 puntos, a 2 da permanencia. Vén de vencer o crucial derbi barcelonés ante o Les Corts a domicilio. Antes, empatara na súa pista co Ceuta. Como local sumou 9 puntos, por 13 como visitante. Acumula 55 goles a favor (75 no noso caso) e 80 en contra (42 nós).

O resultado da primeira volta, na xornada inaugural do torneo, foi de 6 – 0. A nosa última visita ó CEM Les Moreres foi en 2024, en Copa da Raíña (0 – 7). En Primeira División, hai que remontarse a decembro de 2021 para atopar un 1 – 5 ó noso favor. O balance xeral de resultados entre ambos clubs está igualado, con 8 vitorias conserveiras, 5 empates e 7 triunfos cataláns.

Foto de Débora Braga.
CATEGORÍA: Previas